Friday 17 de May de 2024

O Concello licita as obras de mellora da accesibilidade entre O Peruleiro e a rúa Barcelona e a instalación da escalinata mecánica de Adelaida Muro


Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou este mércores a concesión de licenza para a construción do edificio, en dous bloques, que acollerá o novo estudio virtual da Cidade das TIC, en Pedralonga

A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe en rolda de prensa dos asuntos tratados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local que tivo lugar este mércores, na que se deu luz verde á licitación de dous dos 17 proxectos sobre os que o Concello, a finais do pasado mes de abril, obtivo 9,1 millóns de euros en financiación estatal a través da segunda convocatoria de fondos Next Generation.

A primeira das intervencións licitadas é a mellora de accesibilidade prevista entre O Peruleiro e a rúa Barcelona, no barrio da Agra do Orzán. Concretamente, nas rúas Fanny Garrido e Julia Minguillón, así como en treitos das rúas Manuel Deschamps, Almirante Mourelle e Páramo. O obxectivo do Goberno municipal, neste percorrido, é gañar espazos peonís, remodelar os pasos de peóns, renovar as redes de saneamento, iluminación pública e mobiliario urbano, ademais de dispor máis árbores alí onde a vexetación non estreite os itinerarios peonís.

Inés Rey expuxo que “pola densidade poboacional do barrio e tamén pola súa propia configuración urbanística, con rúas moi estreitas, falamos dunha intervención moi necesaria para facer da Agra do Orzán unha zona máis accesible e con maior calidade urbana”.
O orzamento da actuación é de algo máis de 600.000 euros. Unha vez que se adxudiquen os traballos e se poñan en marcha, terán un prazo de execución de nove meses.
En paralelo, e tamén neste contexto de actuacións financiadas coa segunda convocatoria de fondos Next Generation, hoxe licitouse a instalación das escaleiras mecánicas que permitirán salvar o desnivel de 12 metros existente entre as rúas Adelaida Muro e Ángel Rebollo, no barrio de Monte Alto.

A alcaldesa subliñou a relevancia da intervención “polo elevado tránsito peonil nesta escalinata, a pesar das dificultades que presenta, con 54 chanzos con pendentes de entre un 3,5 % e case un 10 %”.

Está previsto acometer a remodelación completa da escalinata, coa instalación, no seu corredor central, de tres treitos de escaleiras mecánicas cubertas por pranchas de metacrilato, que servirán de protección tanto ás persoas usuarias como aos propios elementos electromecánicos das escaleiras, ante os fenómenos meteorolóxicos.
“Ademais, e a ambos os lados do corredor central demolerase toda a escaleira para remodelar a súa distribución actual e reducir as pendentes dos relanzos intermedios, necesarios para dar acceso aos sete portais existentes aos lados da escalinata”, detallou Inés Rey na rolda de prensa.

A intervención, dotada cun orzamento de 1,1 millóns de euros, tamén abrangue a renovación integral dos espazos públicos na contorna, tanto no pavimento como no referente ao mobiliario urbano da rúa. Luz verde á licenza de construción do edificio que acollerá o plató virtual da Cidade das TIC

Noutro dos puntos da orde do día, a Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de licenza para a construción dun edificio en dous bloques que acollerá o novo estudio virtual da Cidade das TIC, en Pedralonga.

O proxecto para crear este espazo audiovisual presentouse en decembro do ano pasado, co obxectivo de facilitar ás pequenas e medianas empresas do sector, así como ás e aos alumnos da Universidade da Coruña (UDC), un lugar onde desenvolver as súas ideas, “dotándoos da posibilidade de ter unha localización común e de calidade na que levar a cabo a súa actividade profesional”, explicou Inés Rey.

A Deputación da Coruña, impulsora desta iniciativa co apoio do Concello, solicitou a mediados de xuño a licenza necesaria para construír a edificación que, ademais de acoller o estudio virtual, disporá de estancias específicas para servizos xerais e oficinas. Executarase tamén a urbanización da parcela onde se erixirá o edificio, con áreas verdes e zonas de lecer, aproveitando as zonas de acceso público.

O orzamento de execución material para construír as obras é de 1,7 millóns de euros, cun prazo de seis meses para iniciar os traballos e de 24 para completalos, unha vez que se inicien.

No último mes, 303 expedientes notificados na área de Licenzas

Dando continuidade aos asuntos relativos á área de Urbanismo, a alcaldesa expuxo o balance das licenzas resoltas no período entre os días 28 de xullo e 24 de agosto, con 303 expedientes notificados, dos que 22 foron licenzas urbanísticas e 19 foron obras en réxime de comunicado.

No informe de licenzas destacan, pola súa relevancia, dúas: corresponden ás rehabilitacións dos edificios situados nos números 3-5 da avenida Fernández Latorre e tamén o número 1 da rúa Veeduría.

Adxudicación do Servizo de Atención ás persoas sen fogar

Por outra banda, hoxe resolveuse a adxudicación definitiva do Servizo de Atención na Rúa ás persoas sen fogar, con vistas ao que resta de exercicio e ata o ano 2025. A empresa que asumirá este servizo municipal será Osventos Innovación. “Incrementarase o número de horas anuais de integración social e tamén as vencelladas ao persoal auxiliar nos servizos nocturnos en caso de alerta climatolóxica ou emerxencia municipal”, explicou a alcaldesa.

O investimento anual previsto neste servizo é de 177.00 euros.

Ademais, e tamén hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou novos nomeamentos no correspondente ao organigrama administrativo do Goberno municipal.
Fernando Santiago Martínez López será o director da Área de Infraestruturas, Mobilidade e Innovación Tecnolóxica, Luis Vázquez Rodríguez asume a dirección da Área de Medio Ambiente e, xa por outra banda, José Abelardo Blanco Serrano será o novo director da Área de Asesoría Xurídica.